Bernardo Saavedra Pita

“A arte debe ser gusto, diversión y alucinación”, “ A finalidade da arte é dar corpo á esencia secreta das cousas, non copiar a súa apariencia”. De tódolos principios que expuso Arnold Hauser sobre a arte, quizais estes dous sexan os que mellor definen a obra de Ramón Astray (A Coruña,1964), o pintor que este ano ilumina o noso calendario.

Ramon Astray, a pesares da súa mocidade, ten xa no seu haber un gran número de exposiciones e unha obra ampla e consolidada, sempre lúdica, irónica e sorprendente, feita coa sabedoría dun vello mestre…; o cal non quere dicir que non estea disposto, unha mañá calquera de tola inspiración, a dinamítalo todo e a empezar de novo…

Debuxante extraordinario- ¿ e un debuxante que pinta ou un pintor que debuxa…?-o primeiro que nos chama a atención nos seus cadros é o perfilado das súas figuras e rostros ( a figura humana é o tema principal da súa obra) a base de círculos e liñas curvas, pechadas, ás veces crebadas, xeometrías que lle achegan ó expresionismo cubista de Picasso ou Braque, ainda que, seguramente, el estea a pensar máis nas vidreiras góticas, das que toma o colorido e a composición plana con ausencia de toda perspectiva e nas que o chumbo que sostén os vidrios e recorta as imaxes é substituido aquí polos trazos fortes e enérxicos do pincel.

As súas figuras, que enchen os limites do lenzo – ás veces dá a sensación de que non collen e teñen que buscar posición insólitas-, son fortes e macizas, exuberantes,volumétricas (toda a cor está ó servizo dos volumes máis que da luz, que non lle parecece preocupar), adquiren así un aspecto escultórico como de baixorrelieve… Estas figuras lembran moito, polo seu canon – cabezas, mans e pés grandes, membros e corpos curtos-as figuras do románico galego e o seu gran representante o Mestre Mateo…; e non esquenzamos que Mateo está xa a anuncialo gótico…

Ramon Astray compón tamén os seus cadros como se dunha representación teatral se tratase; cada lenzo é un pequeño escenario cheo de personaxes, monstros cotiáns, simpáticos, aburridos, ruins, divertidos, amargados…, que nos contan a súa historia, o papel que o pintor lles quixo dar nesta farsa. E todos eles mirannos coa mesma mirada baleira, oca, inquietante… Pero, ¿mirannos realmente…?. A nosa inquietude e desconcerto xorden cando nos damos de conta que detrás deses ollos non hai nada, que os rostros só son caretas baleiras-caveiras descarnadas- e que detrás só existen o baleiro e a soidade. ¿Cabe maior compromiso co home do noso tempo…?

Carmen Prieto Carrasco fixo un estudo clarificador sobre as fontes nas que bebeu o noso artista, desde o románcio e gótico galegos até o expresionismo alemán de entreguerras, ainda que non cremos que Ramón Astray represente un realismo expresionista tan cruel e grotesco coma o dun George Grosz ou don Otto Dix, seica porque a época e a realidade social nas que vive o pintor galego son moi diferentes. Máis axeitada parécenos a súa débeda cos expresionistas galegos de Xeración dos Renovadores, Laxeiro e Manuel Torres.

Para quenes vos interese a obra de Ramón Astray con máis detalle, podedes ver unha ampla selección dos seus cadros en: www.ramonastray.com, así como tamén as críticas e comentarios de Fernando Rincón, González Ortiz ou Carme Prieto.

Finalmente, e posto que estamos no tempo amable do Nadal, permítasenos rematar cunha última opinión… e un sonriso: Papi, es o mellor pintor da historia…/non podo crer que pintes tan ben…”Asinado: Sofía Astray, 10 anos. Mesmamente…

Bernardo Saavedra Pita
Calendario ALCA 2011